martes, 13 de decembro de 2016

PEPE SANTOS, "O POETA"

Xosé Santos Rodríguez nace en Cangas  o seis de xuño de 1918, ano no que remata a Primeira Guerra Mundial. Vai á escola de Xosé Monge, ata os 11 anos. Continúa estudios con Pepe Azpeitia na Fonte do Galo e co mestre do Pósito de mariñeiros, Felipe Carnicer. Pero onde vai espertar ao mundo da poesía é na Escola de Noite de Manuel Mosqueira (Barbicas).



De mozo organiza excursións ao monte e, despois do xantar, recitaba poesías da súa colleita, enaltecendo as belezas da natureza que contemplaba dende os cumes. Destes tempos, anos 40, son os equipos de fútbol Justicia, Juventud e Pentalfa que el fundou. Foi conserxe do Centro Recreativo con sede na Casa da Bola onde aprendeu a xogar ao billar. Na panda de cinco amigos da Peña Pentalfa vaille quedar para sempre o sobrenome de Pepe Poeta.


Na Guerra Civil tocoulle servir en infantería de Mariña, no barco “Mar Negro” e no barco minador “Neptuno” con base en Mallorca e Cádiz. De volta a Cangas, ao remate da Guerra, empeza a visitar enfermos de todo o Morrazo. Aproveita os domingos polo serán para visitar a pé todos os lugares onde tiña noticias de haber necesidade. Ás veces acompañábao o seu amigo Bernardino Graña con quen compartiu amizade  e inquedanzas literarias.



Quere facerse músico, aprender a tocar o violín e, para conseguilo, faise barbeiro, traballa nunha botica e nunha perruquería. Despois chámao Camiña para montar un establecemento de efectos navais e finalmente abre o seu propio negocio, “Ferretería Pepe”, na rúa Valentín Losada a carón da súa vivenda na antiga rúa dos Baldes. Como vendedor era moi bo. Sempre facía algunha rebaixa nos prezos e sempre tiña nos beizos algún consello práctico que ofrecer.

Na súa estancia, nos anos 40, en Cádiz, coñecera a unha xove estudante do conservatorio de música Falla, que logo sería profesora de piano, chamada Aurora Ros Ayera. Escríbense durante algún tempo, pero despois de 15 anos deixan de facelo. Aconteceu logo que unha explosión nun polvorín de Cádiz motivou a Pepe a escribirlle de novo e visitar a cidade gaditana. Casan na igrexa de San Antonio en Cádiz no ano de 1955. Volven a Cangas e Aurora traballa na Academia de don Bernardino e dá clases particulares.

O coadxutor da parroquia de Cangas, Juan Illanes, noméao vocal de caridade do grupo de Acción Católica no ano 1942 e comeza o seu labor entre as persoas máis humildes do concello e nos lugares máis apartados da bisbarra. Cando non hai fondos económicos, organiza rifas e actuacións para recadalos, solicita dos organismos oficiais axuda e atención para os probes. Chega a presidir a xunta parroquial da Acción Católica, de Cáritas e da sección da Adoración Nocturna de Cangas.



Home áxil e dinámico, gran deportista, sempre se lle vía camiñar polas rúas con paso apresurado, aproveitando ben os minutos para solucionar algún problema das moitas necesidades que había. Amigo de todos podemos dicir que Pepe non ten inimigos. Axudaba aos probes a cubrir o papeleo, a encher instancias, solicitaba praza para os rapaces orfos, nos colexios de Pontevedra e a ingresar aos enfermos nos sanatorios para seren curados. Visitaba aos tuberculosos, procurando envialos a centros especializados. Contou sempre coa colaboración do ministro da Gobernación, Blas Pérez González. Cóntase entre os veciños que, gracias ao seu labor persoal, fixo desaparecer a tuberculose da comarca, terrible enfermidade coñecida como a “Peste Branca”.
Ten sacado xente dos cárceres, persoas probes de Cangas, de Vilagarcía, de tantos sitios a onde chegou a sona deste home preocupado polos problemas dos necesitados. Persoas condenadas a 40 anos de prisión por ter roubado para comer pola fame que pasaban.



O seu amigo e veciño, José María Pérez García escribe sobre Pepe Santos: “recibe visitas, redacta cartas, cubre impresos e fai toda clase de solicitudes dirixidas a organismos ou persoas de todos os estamentos, a favor de calquera parroquiano, que sabedores da súa proverbial amabilidade acoden a el para remediar, no posible, os seus arduos problemas. ¡Cantos anciáns ou viúvas poden dar testemuño de gratitude deste apóstolo moderno!, ¡Cantos nenos orfos, son hoxe persoas cun porvir definido e ben encamiñado na vida, por mor da súa intervención  nun momento crucial da súa vida!”
Para todos Pepe ten nos beizos o seu sorriso. Semella que para el non existe problema algún. Sempre está ledo, contento. ¡Ten unha alma moi grande! Admirador da nai Teresa de Calcuta.

Os seus pasatempos favoritos son o fútbol e o cine. Home ameno de fácil charla, e entusiasta da música dos clásicos e delicado no trato. Pepe é, ao dicir de todos, un home afable, amable, culto, bo, gran conversador, xeneroso e solidario. Ten colaborado en distintas ocasións co xornal Faro de Vigo e co semanario “A Comarca do Morrazo”. Gran amante da poesía, lector de clásicos como Shakespeare, San Juan de la Cruz e Rosalía de Castro, ten escrito centos de poemas en galego e en castelán.


Escribe a cada persoa que ve, sinte por todos, vellos, drogadictos, cegos, etc. A súa nai ensinoulle a ter amor pola xente e iso é a súa poesía. Louco polo teatro foi o animador do grupo da Casa da Bola.
Na amañecida do 19 de marzo, pola súa onomástica, recibe a visita do Coro dos Pepes e das Pepitas dirixidos por Tucho Perete, e sempre ten un poema de agasallo preparado como resposta para satisfacer aos seus veciños e amigos que lle cantan en recoñecida homenaxe. No ano 1997 o alcalde da vila, Euloxio López convidouno a ler o pregón das Festas do Cristo. Namorado da súa vila natal polos catro costados, namorado das súas xentes e da súa paisaxe, Pepe Poeta vive dedicado en corpo e alma a Cangas e ás súas xentes. 
 


Fernando Cuñarro Pintos

Descarga aquí a biografía escrita por Fernando Cuñarro: BIOGRAFÍA DE PEPE SANTOS "O POETA" por Fernando Cuñarro

Ningún comentario:

Publicar un comentario